Important Notice: this service will be discontinued by the end of 2024 because for multiple years now, Plume is no longer under active/continuous development. Sadly each time there was hope, active development came to a stop again. Please consider using our Writefreely instance instead.

usuariA vs. usuariO

persoA usuariA, xenérico.

Def.: persoa

  1. Individuo da especie humana.

Exemplos

Todos os homes e mulleres somos persoas. Persoas, animais e cousas. Xoán é boa persoa.

Traduzo software libre ao galego, non son filólogo nin teño outros estudos relacionados coa gramática e o léxico. Son unha persoa galega.

captura conversejs

captura de pantalla do cliente web XMPP conversejs

O software soe estar escrito orixinalmente en inglés. Nese idioma refírense a persoa que utiliza o software ou aplicación como user, e non fan distingos entre se é un home ou unha muller. Cando traducimos o software a un idioma onde existe esta distinción, como no galego, temos a convención de escoller a forma masculina: usuario.

Non me preguntes por que se fai deste xeito, non sei se houbo debate ao respeto, pero non creo que vaiamos desencamiñadas se o metemos no saco xunto co resto das cousas pertencentes a un entorno abrumadoramente masculino como é o da informática e tecnoloxías da información. Afortunadamente este mundo todo-pirolos vai mudando.

Qué fago eu?

captura mastodon

captura de pantalla da interface web de Mastodon

Pois sempre utilizo a forma feminina: usuaria.

Un home é unha persoa, unha muller tamén. Unha persoa usuaria, tanto home como muller, é a persoa que utiliza o software ou aplicación da que se trate.

Non é raro que eu mesmo me engane ao escribir e poña usuario, son moitos anos lendo nome de usuario, contactar co usuario, eliminar o usuario, ... polo que non é raro que cando te pos a escribir dun xeito un pouco menos concentrado metas a zoca.

Máis alá da costume, existe algunha razón para utilizar usuario?

A forma usuaria paréceme inclusiva, a masculina non. Usuaria elimina unha fenda, pois persoas somos todas.

Axúdame

No que a min se refire, axúdame informándome dos fallos que perpetre. Abofé que non serán poucos.

A un nivel máis xeral, podes contactar coa persoa ou grupo de persoas que traduce o software que utilizas para que teña en conta esta aportación.

Grazas por ler!!