Important Notice: this service will be discontinued by the end of 2024 because for multiple years now, Plume is no longer under active/continuous development. Sadly each time there was hope, active development came to a stop again. Please consider using our Writefreely instance instead.

IV Trail de A Baña

moi ben organizado como sempre e ademáis mellorou o percorrido

vista da comarca de Barcala, subindo ao primeiro pico

vista da comarca de Barcala, chegando ao alto do km19

O primeiro que teño que dicir é que se me fixo longo. Ese momento en que deixas de ir ao ritmo que queres e pasas a ir ao ritmo que podes chegou máis pronto do que esperaba, arredor das dúas horas, cando quedaba a maior parte do desnivel. Tampouco é que fose mal, cheguei trotando na recta de meta en subida sen problema, pero non foron esas sensacións agradables que tes normalmente.

imaxe baixando as escaleiras, da web do concello

Fixen uns 20' máis que o ano pasado nunha distancia e desnivel semellantes, pero cambiaron a ruta e había moitas menos pistas, seguimos o curso de moitos regos, polo que non é moi comparable en este aspecto. Que o cambio foi para mellor era unha opinión xeneralizada.

perfil

O inicio da carreira era moi parecido, pasando por carballeiras mestas como labirintos. Este ano non me despistei neste tramo, se non máis adiante (500m.- 3') e novamente foi culpa miña, por ir coa cabeza nas ameixeiras.

En esta edición seguimos durante moitos máis quilómetros o curso de regueiros e bastantes novas zonas arboladas. Na miña opinión quedoulle un trail máis entretido e bonito para desfrutar da natureza e etnografía da comarca, como un campanario separado da súa igrexa.

un dos regueiros que seguimos

un pracer poder desfrutar de este entorno

A ruta estaba perfectamente sinalizada en todo momento, con xente de protección civil e da organización cando había que cruzar algunha carretera. Os avituallamentos abondosos nos lugares indicados, así que ningún problema neste aspecto.

mapa

Eu xa digo que non tiña moi bo día, ía con molestias nos xeonllos nalgúns momentos e incluso molestias na parte dos cadrises (moi pouco habitual). Vou ter que descansar algo máis de correr e facer ximnasia ou así.

Onte corrín en Brión e non axuda para rendir hoxe, pero sinceramente non creo que me sentise así por eso, non me matei moito onte.

Por unha parte (por non acabar asfixiado) dame moral. Por outra (por non ir ao xeito que me gusta) quítame un pouco dela. O bo é que nun par de días o malo queda esquecido e xa pensarei na seguinte

no km19, moi empinado

teño que aprender a sacar fotos onde se perciba o desnivel, porque aquí semella chan cando era fácilmente dun 25%

Que tódolos males sexan estos!

Os aspectos positivos da experiencia permanecen moito máis tempo na memoria, polo menos na miña. Cruzando algún rego, coa auga ate os xeonllos, chegoume o arume do río, un cheiro que nun intre me levou a moitos anos atrás, a cando íamos no verán ao río, ou as troitas. Tamén o bosque comeza a ter olor a outono, a alfombra das follas xúntase coa humidade, os ourizos das castañas abertos, creando ese olor a bosque tan especial, cheira a limpo cando é materia orgánica en descomposición, pero non é podredume se non compostaxe. Esto é o que permanece, e non que me rabuñaron as silvas ou a cuada que levei baixando un terraplén.

Reseña na web do concello


CC BY-SA