Important Notice: this service will be discontinued by the end of 2024 because for multiple years now, Plume is no longer under active/continuous development. Sadly each time there was hope, active development came to a stop again. Please consider using our Writefreely instance instead.

Trail Barbanza42k

última proba do trailseries.run

Foron 44km, que son máis de 42.195 metros, ergo, un ULTRA

imaxe do perfil do percorrido

A min resúltame moi entretida e bonita para correr esta zona da Barbanza, non son as carreiras máis difíciles, nin as máis famosas, pero axeitanse moi ben polo variado da súa proposta en canto ao tipo de terreo, beleza paisaxística, profesionalidade da organización e accesibilidade.

A carreira

Este foi o fin de festa do circuito trailseries.run en 2019. Comezamos alá en xaneiro tamén en Ribeira e voltamos para esta quinta proba. As probas típicas do circuito son carreiras de uns 15km, por camiños de todo tipo polo monte, con dificultade técnica medio baixa, moi axeitadas para iniciarse nas carreiras polo monte.

Participei en todas as probas, en este mismo blog podes ver a descrición e características de todas elas.

Para rematar prepararon unha andaina, un trail de 21km e o propiamente chamado Barbanza42k.

imaxe do perfil do percorrido

As distancias xa son superiores, pero aínda máis o son a dificultade técnica e o desnivel acumulado, sobre todo no 42k. Camiños moito máis rotos, con pedra solta, con lousas desiguais, tramos no bosque cheos de polas, correndo entre toxos, nas turbeiras preto dos cumios o terreo é irregular, ... é dicir, xa se require certo nivel para atreverse a participar a non ser que sexas un pouco inconsciente, que de todo hai e non acertas a saber moi ben qué fai algunha persoa en determinadas carreiras.

Ollo!!!, que eu son dos do furgón do medio tirando para atrás!!! Non estou aquí facendo de menos a ninguén, só resaltando que, na miña opinión hai que saber onde se mete un. Despois xa haberá accidentes, desgracias e todo o que queiras, pero de antemán creo que un debe saber o seu nivel e valorar honestamente as propias capacidades. E non é así.

O evento

Gústame chamarlle Evento, máis que carreiras ou competicións, porque a maior parte das persoas imos a pasalo ben, desfrutar do día e en todo caso competir contra nos mesmos e os elementos 😂

imaxe da plaia e mar Corrubedo

imaxe da plaia de Corrubedo, desde o km11 (aprox.)

Xa se ve o perfil arriba, moi quebrado, sube e baixa continuo con subidas e baixadas moi pendentes e co terreo roto (estamos no monte!!). Abaixo e alturas medias sempre se ía por camiños moi corribles e incluso por sendeiros a carón dos regos onde o importante era non engastallar nunha raíz e afuciñar.

42km e pico (xa na saída dixeron que era algo máis), preto de 2000m. de desnivel positivo e un calor de narices. Na saída estaríamos a uns 15ºC, pero agardábanse 30ºC na hora do xantar. E abofé que quentou!!. Dicía un compañeiro que o ano pasado houbera hipotermias (tivemos 0ºC e sarabias nos cumios) e este ano tocáballe as lipotimias.

alto dos Forcados

Imaxe do alto dos Forcados, o alto do km16, visto desde o km7

Saín atrás de todo, como sempre, e coa táctica ir indo, como sempre. Non hai presa, sobran quilómetros para ir falando e compartindo, para desfrutar das paisaxes, escoitar os sons no bosque e desfrutar. Se cadra tamén hai tempo para sufrir un pouco. Non me gusta nada a palabra sufrir en este contexto, banalizaa, pero é a que se adoptou para esa sensación que hai que intentar superar tras pasar certo límite físico e sicolóxico. É unha sensación desagradable, hai que admitilo, pero é agradable aprender a xestionala.

imaxe desde a garita do alto do Inxerto

Esta imaxe foi tomada ao pe da garita situada no cumio do alto do Inxerto(pdf), mirando ao norte pódese ver no plano medio o monte Louro ao final da ría de Muros/Noia (vese neste artigo, e moito máis ao fondo o cabo de Fisterra.

Ao sur veríamos a ria de Arousa, o Grove e aínda máis aló ate as illas Cíes. As vistas son espectaculares e non fai falta vir correndo ate aquí arriba para desfrutalas

Cómo me foi

da miña carreira non teño moito que contar. Paseino moi ben e non me manquei e cheguei a meta cansado pero con moi bo ánimo, nada que ver con esas veces que chegas roto. O calor afectoume como a calquera, debín beber uns 6 litros (non esaxero) e non me sentín acalorado ou fora de punto como me ten pasado en algunha ocasión. Así que supoño que adestrei o suficiente, comín ben, fun ao ritmo que me permitía o corpo (sen tolear!!) e fun facendo camiño.

Chegas a meta e doeche todo, pero a química do teu corpo fai que vaias medio anestesiado e poñas esta dor nun segundo plano. No primeiro está en que a responsabilidade do que sintes é túa (esto é moi aleccionador) e que de nada serve queixarse, así que a tirar para adiante.

Podería describir as sensacións que levaba en tal subida, cómo fixen a baixada final, qué pensaba en cada momento, cómo desfrutei refrescandome nos regueiros que cruzábamos, etc. pero igual me queda esto un pouco longo.

alto dos Forcados

Foto das piscinas do rego de San Xoán, no quilómetro 28,5 do gráfico superior, xusto ao pe da última subida dura. É gloria bendita poder meterse nesa agua, que seguramente está moi fría, para quentes xa estamos nos. Foi un alivio intenso ese par de minutos "perdidos" alí. Os que saen na foto son turistas, un pequeno trapo laranxa xusto en fronte sinala a nosa ruta.

alto dos Forcados

Un pouco antes, nesta última baixada técnica, deime conta de que ía ben, de que non ía ter problemas en rematar (libre dun golpe). Quizáis era o saber que xa pasara as subidas máis duras, quizáis o feito de que estaba levando moi ben o calor, pero realmente notaba que ía correndo dentro das miñas capacidades.

Os últimos 12km, desde a Curota, xa son de correr si tes forzas, case todo por camiños, trátase de por un ritmo sostible, sen pasarte nin unha pinga a risco de pasalo mal. Persoalmente non ten sentido ningún intentar facer cinco minutos menos (sendo optimista) intentando correr un pouco máis rápido. Nin de broma!, a seguir facendo camiño, non ir parado nin moito menos, pero respetando onde se pode correr e onde hai que andar.

Cheguei ben a meta, nos últimos quilómetros tiña sobre todo os pés doridos, pero moi satisfeito de ter sabido correr durante sete horas cando non lembro ter corrido máis de cinco e pico.

ben, agradable, calor, tranquilo, ir ao xeito do corpo, son todos termos relativos, en outros contextos os adxetivos serían moi diferentes. Correr 7h. ao xeito do corpo, como fixen, non é ir "ao xeito do corpo", non creo eu que esto lle preste moito ao corpo, pero a cabeza venlle fenómeno.


Créditos fotografías: elaboración propia, máis fotografías da zona e da carreira en ArousaNeo - Flickr

Clasificación, chegamos 57 a meta cando saímos noventa e pico. Foi a calor?

Cabeceira: ArousaNeo (flickr), desde o alto da Torre do Inxerto