Important Notice: this service will be discontinued by the end of 2024 because for multiple years now, Plume is no longer under active/continuous development. Sadly each time there was hope, active development came to a stop again. Please consider using our Writefreely instance instead.

Sal de la máquina

Cómo superar la adicción a las nuevas tecnologías y recuperar la libertad perdida.

Título: Sal de la máquina (1ª edición)

Autor: Sergio Legaz (Blog Sal de la máquina) Entrevista en @ai

portada

Creo que é a reseña que máis veces reescribín.


En cen páxinas con fotos e debuxos o autor describe moi acertadamente esa sensación que temos de que "quizais estou enganchado ao móbil", que probablemente lle dedicamos demasiado tempo a perder o tempo nas redes sociais, que quizais non é o que mellor podemos facer pola nosa saúde (mental) estar todo o santo día co móbil na man, ou mirando para ese trebello cada dous minutos, ou pensando nas próximas notificacións,...

Ti fas un uso sano de todos estos dispositivos? Parabéns entón.

Resulta inevitable identificarse en menor ou maior medida con moitos dos signos e síntomas que se describen, sendo todos en beneficio da Máquina. Tomar conciencia dun problema é o primeiro paso para intentar resolvelo.

Vemos, en outras persoas, esas feridas que a Máquina causa nos seres humanos; parécenos, como aos adictos a outros comportamentos ou substancias, que controlamos e que non nos controla. Sempre é máis doado ver a palla no ollo alleo que a viga no propio.

A Máquina

O libro, en esencia, é unha descrición da deconstrucción que o sistema (A Máquina) nos está a realizar para amoldarnos aos seus intereses. Non se deixa nada ao azar e o proceso de mellora do seu funcionamento é continuo, retroalimentado pola experiencia de uso de miles de millóns de persoas.

De algún xeito síntome privilexiado de ter coñecido un mundo sen a Máquina. Tiña outros defectos, non digo que fose mellor, pero esta evolución do capitalismo, iniciada coa televisión, estanos facendo máis dóciles e pasivos (se cabe).

estamos aquí

mapa de situación, Distopía?

Concentración.

[... editado ... aquí ía unha diatriba pesimista]

Describe moi ben o libro esos momentos de non facer nada, nos que a mente divaga, lembra, planifica, crea e imaxina posibilidades relacionando o pasado e proxectándoo no futuro. No mundo da Máquina só existe o presente. Un presente gaseoso, inaprensible polo entendemento ao non dar tempo a que o comprendamos, só a consumilo.

Lin os dous primeiros capítulos do libro dun tirón, non sen un esforzo consciente para facelo, pero tras cada párrafo acudían a min imaxes dun espello onde me recoñezo e recoñezo a outras. Mal de moitos...

[... editado ... aquí facía gala dun cinismo que non ven ao caso]

Divago.

O mundo vello

O mundo anterior a era das tecnoloxías da comunicación e información, se che cadrou vivir nel, non era mellor nin peor, pero éramos outro tipo de persoas. As relacións entre persoas establecíanse de outro xeito.

A relación das persoas co mundo que as rodeaba tamén era diferente, antes mirabas e lembrabas a posta de sol no fin do mundo, agora quítaslle unha foto (que pos en internet) para dicir que estiveches alí, pero non miras para o mar, só o ves na pantalla. Ao momento esperas que alguén diga que lle gusta, como se estivesen alí esperando a que publicases algo. E o triste é que si, que estaban alí esperando, facendo scroll nas diferentes apps de xeito infinito. A parte optimista de min quere crer que ese outro xeito non é mellor nin peor, que os que veñen terán que apañarse como poidan igual que fixeron os que antes foron. Pero deberán establecer os códigos que lles axuden a non tolear da cabeza, pois as regras do vello mundo non valen neste. E así nos vai, con niveis de ansiedade e depresión só tolerables a base de drogas, cuns cambios de tal velocidade que como especie non somos quen de adaptarnos con suficiente rapidez (*).

Décadas despois da revolución industrial, xente como Thoreau abominaba do tipo de sociedade que lle tocou vivir, xa por entón desconectada do mundo natural e modelada ao xeito do capitalismo industrial nacente. A desconexión coa natureza hai tempo que se logrou nas sociedades de cultura "occidental".

The Guardian: This isn't extinction, it's extermination: the people killing nature know what they're doing

Tendo coñecido o mundo vello, esta desconexión das persoas, este proceso de individualización conveniente(?) para o sistema económico dominante, semella estar profundizándose e modelándonos do mesmo xeito en que a desconexión co mundo natural produciu no seu momento.

Se non coñeceches o mundo vello, todo esto soarache a chino, é normal, pero tamén é unha mágoa que non sepas que existía.

Arriba dicía que somos outro tipo de persoas, pero ser diferente non implica ser mellor, que non o somos, implica que os nosos referentes son outros. Igual que resulta intuitivo (na miña opinión) que mostrar respeto polos outros seres que habitan este planeta é unha cualidade positiva en si mesma, éticamente positiva, creo que aprehender unha experiencia mediada por un dispositivo electrónico, fragmentada ate o infinito e diluída homeopáticamente non deixa pegada fonda nuns seres que durante milenios tiveron os seus cinco sentidos orientados a aprender de esas experiencias para construírse como persoas e sociedades. Desde un punto de vista evolutivo, esas persoas dotadas de cinco sentidos están recibindo unha información pobre, incompleta e inconexa para a que non estamos preparados. E ademáis terxiversada en beneficio económico e político de que posúe a tecnoloxía.

imaxe Steve Cutts, visto en sal de la máquina

ilustración Steve Cutts, blog Sal de la Máquina.

o resto do libro...

pois máis do mesmo. Se che da igual pois vale. Se non sabes o que é a Máquina, o Sistema, nin che interesa, pois vale tamén.

Conste que esta é a versión light dunha reseña que me quedaba áceda de máis, non cabe en min o optimismo respecto de este tema, e aspiro só a saber transmitir que o mundo real existe e é diferente ao que nos venden, que é mellor.


  • Managing Digital Distraction and Hyper-connectivity While Staying Focused, Productive, and Stress-Balanced. Programas dun podcast en inglés Parte 1ª, Parte 2ª

Un podcast en inglés, con medidas moi simples e que non rascan máis que na superficie do problema, pero por algo se comeza. Do mesmo xeito no libro, en forma de corolario final, dánsenos endereitas e consellos para, se non eliminar, si poder minimizar os efectos de este mal.

Nota (*): esto non o quito porque é certo, pero non digo que se deba exclusivamente a utilizar o móbil, se non máis ben ao modelo económico capitalista no seu conxunto.